O que a auga leva

Onte, repasando unha libreta, apareceu este texto escrito nun deses momentos nos que a realidade pesa máis do habitual. Quizais daquela parecía demasiado dramático, demasiado duro. Hoxe, visto con algo máis de calma, semella simplemente unha verdade incómoda.

As riadas deste inverno, que golpearon distintos puntos de Galicia e doutras zonas de España, deixaron moito máis ca estradas cortadas, casas anegadas ou mobles flotando entre a lama. Deixaron tamén unha reflexión difícil de ignorar: o pouco que somos fronte ao que non podemos controlar.

Ás veces vivimos coa falsa sensación de que todo está no seu sitio, de que a casa sempre vai estar aí, de que mañá será parecido a hoxe. Pero basta unha noite de choiva, unha chamada inesperada ou un xiro do destino para que todo cambie. O que parecía seguro desaparece, e un queda mirando arredor sen saber moi ben que facer nin por onde empezar.

A vida pode cambiar dun día para outro, e todo aquilo que pensamos que temos pode desaparecer sen pedir permiso.

Fragilidade

A vida pode cambiar dun día para outro sen avisar. Onte, as casas estaban cheas de calor, os petos de euros , os camiños coñecidos e as rutinas seguras. Hoxe, as augas levaron todo, e nada queda como antes. As paredes desaparecen, as rúas transfórmanse e os recordos convértense en po que o vento dispersa.

O que antes parecía firme, sólido e seguro convértese de súpeto en incerteza. Non hai seguridade no que posuímos nin na forma de vivir que coñecemos. O destino, silencioso e implacable, lembra que non somos naide e que a nosa existencia é fráxil, sometida a forzas maiores ca nós.

E entón queda só a pregunta: que será da vida cando o que damos por certo desaparece? Cando o fogar se vai coa choiva e co vento, cando o futuro é un camiño que se esconde detrás das augas e a única certeza é que nada volverá ser igual.

Mary F Folgueira.2026