O Sangue que Cruzou o Océano

Nunha aldea de Galiza como moitas outras, a emigración foi unha ferida aberta. A pobreza empurraba a moitos a marchar en busca de pan e futuro. Cuba, Arxentina, Venezuela , Uruguay… nomes lonxanos que enchían as cartas que ás veces chegaban e que, outras tantas, nunca máis se volvían ler.

Un deses mozos marchou antes da guerra. Deixou atrás aos seus pais e irmáns, e con el esvaeceuse calquera noticia. A familia, resignada co paso do tempo, chegou a pensar que morrera na travesía cara a Cuba, tragado polo mar ou polo silencio do destino. Os anos correron, os seus foron morrendo, e con eles apagouse tamén a esperanza de saber que fora dese fillo ausente.

Décadas despois, unha simple proba de ADN removiu o que se creía enterrado para sempre. A filla dun descendente, movida pola curiosidade, descubriu que en Ohio vivían uns terceiros primos. Primos que resultaron ser nada menos que os netos dese home que un día marchou sen despedidas.

A sorpresa foi dobre: en Galiza ninguén soubo nunca da súa sorte, e en América, o avó nunca contou de onde viña nin a quen deixara atrás. Como se o océano gardase o seu segredo celosamente durante xeracións.

O achado devolveu un fragmento perdido de historia familiar. De súpeto, os netos dese emigrante tiñan un nome, unha terra, unha orixe galega que sempre intuíron sen probas. E en Galiza, unha familia recuperaba, aínda que tarde, a certeza de que ese primo non morreu no camiño, senón que viviu, amou e deixou descendencia.

Que mágoa que os seus pais, o seus irmáns e toda a familia nunca chegaran a sabelo. Nunca puideron abrazar a certeza de que ese fillo e irmán que partiu cheo de soños vivira. Nunca escoitaron as historias que agora os netos contarían, nin sentiron a ledicia que agora ilumina aos que quedaron. Pero, quizais, alá onde estean, entre o susurro do vento galego e o murmurio do mar, sábeno. Sábeno e sorrín en silencio, aliviados de que o seu sangue non se perdeu, de que, aínda que tarde, a vida pechou o seu círculo.

Agradecemento final :

E, sobre todo, queremos dar as grazas á familia que atopamos: a Lori a Nikki e á súa familia. Aínda que levamos pouco tempo coñecéndonos, grazas pola calorosa acollida e o agarimo con que nos facedes sentir parte da vosa vida.

Mary F Folgueira.2025