Non sabía como sería o final, pero xa non lle preocupaba. Dende o cuarto escoitaba risas que subían pola escaleira, coma un murmurio cálido que lle chegaba sen pedilo. Ás veces a vida fora torpe, outras luminosa; case sempre ambas cousas á vez. Dixera palabras inútiles, vivira anos que contan historias e outros que desaparecerían sen rastro.
Sentou un intre no último chanzo. O arrecendo da comida chegaba coma unha promesa que non precisaba explicación. Non facía falta correr; a festa non preguntaba nada.
Cando o ruído se volveu música, soubo que era o momento. Baixou amodo, coa certeza de quen chega tarde, pero esperado. Na mesa había un lugar libre, o seu nome apenas dito, e ao sentar comprendeu que todo o vivido fora, simplemente, o camiño ata alí.
Mary F Folgueira.2025





