Bos días a todas e todos

É unha ledicia poder compartir con vós este microrrelato que presentei á Fundación San Rafael, creado arredor dun tema tan necesario e actual como son as letras inclusivas. A intención deste texto é abrir unha pequena fiestra dende a que mirar o mundo con máis sensibilidade, mais tamén coa vontade de lembrar que a palabra —cando é elixida con coidado— pode ser unha ferramenta poderosa para construír espazos nos que todas as persoas se sintan recoñecidas.

Agardo que, mentres o ledes, poidades atopar nel unha mensaxe que vos emocione, vos faga pensar ou simplemente vos acompañe durante uns instantes. Para min xa é un orgullo poder compartilo con vós.

Moitas grazas pola vosa atención.

E agora… deixo que o relato fale por si mesmo.

O que de verdade cura

Traballei moitos anos con persoas maiores. Ao principio pensei que todo era cuestión

de horarios, pastillas e coidados físicos. Pero axiña descubrín que non: cada quen tiña

as súas necesidades, as súas teimas, e sobre todo a súa maneira de dar ou non dar

cariño. Había xente que nunca sorría, que parecía fría ou distante. Mais cando pasabas

tempo con eles, cando día a día lles falabas con calma, lles escoitabas e intentabas

mellorarlles a actitude con pequenos detalles, algo cambiaba. Eles, mesmo sen decatarse, acababan ofrecéndoche o seu afecto.

Lembreime diso o primeiro día que coñecín a Mateo. Non era maior, era un rapaz novo

cunha diversidade funcional que lle facía difícil falar e moverse. Eu non sabía como

actuar, tiña medo de meter a pata. Pero cando quedei soa con el na sala, o único que

fixen foi sorrirlle. El devolveume un sorriso grande, daqueles que che desarman. Aí decateime de que

a base era a mesma de sempre: tratar con respecto , con paciencia, e con ese amor que non se aprende nos libros.

Mateo tiña unha mesa chea de pezas de madeira. Eu pensei que eran só xoguetes, pero

cando o vin esforzarse en encaixar un pequeno triángulo, entendín que para el aquilo

era unha vitoria enorme. A súa mirada iluminouse coma quen conquista o mundo. Nese

momento recordei ás persoas maiores coas que traballara: cada logro, por pequeno

que parecese, era un motivo de orgullo, e se ti estabas ao lado para celebralo, todo

cobraba máis sentido.

Co paso dos días fun coñecendo mellor a Mateo. Gustáballe a música, sobre todo unha

melodía de piano que repetía unha e outra vez. Movía os dedos no aire coma se tocase

el mesmo as teclas. Eu pechaba os ollos e deixábame levar, e cando os abría, alí

estaba, mirándome coma se me dixese : «ves?

non fan falta palabras para entendernos».

Igual que me pasara cos maiores: había quen non falaba moito, pero unha mirada ou un xesto dicía

máis que mil frases.

Un día leveille unhas ceras de cores e un caderno. Pensei que igual non lle interesaban,

pero os seus ollos brillaron. Coa miña man axudándolle un pouco, trazamos as

primeiras liñas, torcidas, irregulares, pero cheas de vida. Era como abrir unha xanela

nova para comunicarnos. Igual que coa señora Carmen, que nunca dicía “grazas” pero

cando lle levaba un café quente poñía a man enriba da miña e ese era o seu xeito de darme amor.

Non todo era doado. Había días de rabia, de cansazo, de chorar sen motivo. Pero tamén

con Mateo, como cos maiores, aprendín que cada persoa é única e que non hai unha

receita máxica. Só hai que estar alí, con paciencia, con respecto, sen présa, e pouco a pouco a relación

florece.

A última vez que o vin, Mateo colleume a man e púxome unha das súas pezas de

madeira na palma. Era o seu xeito de dicirme “grazas”. Eu gardeina no peto e marchei

coa certeza de que esas pequenas mostras de cariño son o que de verdade cura.

Porque si, precisamos coidados, medicinas, atención. Pero por riba de todo, o que fai

que a vida sexa máis levadeira é sentir que alguén nos quere, que alguén nos entende,

que alguén nos mira con amor.