Fomos o meu home e máis eu á casa duns amigos e, sen saber moi ben como, acabou saíndo unha conversa sobre como se recollía antes o trigo. Foi el quen empezou a lembrar aqueles tempos e, pouco a pouco, os demais foron engadindo tamén as súas lembranzas.
Na mesa coincidían dúas xeracións distintas, pero todos lembraban o mesmo: segar a man, facer os mollos, poñelos en medelos altos, facer moreas e medas para que secasen. E tamén aquel gancho de ferro e madeira co que apertaban os atados.
O meu home lembraba especialmente cando, sendo un neno, o mandaban rapallar as pallas, recollendo as espigas e os grans que quedaban polo chan cando xa parecía que todo estaba rematado. Dicíanlles que apañasen ben todo, porque despois á noite había boliñas ou bolos. E claro, quen non quería un boliño quente ao final do día? Para eles era case unha recompensa: canto máis recollían, máis ilusión lles facía pensar no premio que os esperaba.
Os demais asentían e engadían detalles, coma quen recoñece unha lembranza compartida. Porque, máis ca o traballo, o que todos lembraban era a xente: os veciños axudándose uns aos outros, as conversas na eira, as risas, a comida compartida e aquela maneira de facer comunidade sen sabelo.
Traballaban duro, si. Pero tamén había convivencia, cariño e memoria. E por iso, tantos anos despois, aínda o lembran cun sorriso.
Mary F Folgueira.2026





